jueves, 28 de octubre de 2010

COMENZA A COMPETICIÓN

Este fin de semana no Pavillón Municipal do Pombal comenza a nova temporada para o equipo de voleibol de Cambados. O triple enfrentamento coas rivais do Comercial Durán de Pontevedra nas Ligas Galegas Infantís, Xuvenís e 2ª na tarde do sábado xunto co enfrentamento das cadetes co Liceo La Paz de A Coruña na mañá compón o menú de partida para un clube que se propón manter ós seus catro equipos cabeceiros na máxima categoría do voleibol galego.

Tras dous meses de adestramentos chega o momento da competición. Lamentamos as lesións de Fuensanta Buceta (colocadora titular das cadetes) e Sofía Fernández (central titular das xuvenís), pero isto non é excusa para afrontar os primeiros partidos con garantías.

O sábado 30 ás 12:30 enfrentarémonos ó Liceo La Paz, que foi segundo na Liga Galega Infantil pasada, sendo o XAV Cambados terceiras no Campeonato. Un rival difícil para a primeira xornada da Liga Galega Cadete, que xogaremos coa base das xogadoras do equipo infantil do ano pasado. Oito xogadoras de primeiro ano e catro de segundo compoñen o equipo.

As 16:30 o equipo infantil enfróntase ó Comercial Durán. Veremos cómo se resolve a incógnita de ver debutar na máxima categoría a todo o equipo.

As xuvenís xogan as 18:00 contra as pontevedresas que foron rivais o ano anterior na loita polo ascenso que acadou o XAV Cambados. Prevese un partido intenso con poucas diferencias.

O mesmo se pode dicir do partido das xogadoras senior. O Comercial Durán pode ser un rival asequible se se xoga o cento por cento. Esperamos contar coa presencia da nova xogadora do XAV, a americana Alex Healey. Veremos o que ocorre a partir das 20:00 no Pavillón do Pombal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario