jueves, 10 de octubre de 2013

2013-2014





Estamos aquí!

Detrás do estrondoso e merecido éxito do equipo sénior do Xuven de Jorge Castiñeiras, Yago Casal e o seus xogadores, hai varios equipos en Cambados que continuamos loitando por un lugar baixo o sol. O clube de voleibol XAV Cambados segue representado a vila por toda Galicia  con catro equipos nas máximas categorías autonómicas: o senior en 2ª División A, e as infantís, cadetes e xuvenís na Liga Galega. Todos eles están formados por xogadoras cambadesas con dúas honrosas excepcións, Fátima e Maika, no equipo das maiores.



Dentro do contexto da escaseza orzamentaria no deporte, podemos dicir que somos un clube economicamente san. O mérito é do equipo de adestradores que realizan o seu traballo de forma desinteresada adicándolle moitas horas do día á preparación dos nosos planteis, do grupo de nais e pais que achegan as súas cotas e así mesmo do Concello de Cambados que nos apoia económicamente.



O que sí non temos é unha cancha propia onde poidamos xogar o partidos de competición coas condicións necesarias. O vello pavillón do IES Ramón Cabanillas, que é a nosa sede e pola que lle estamos fondamente agradecidos ó Instituto,  non compre os requisitos mínimos para albergar partidos de competición. O singular reparto que fai o Concello das instalacións deportivas municipais - somos o único equipo sen cancha propia, sempre somos visitantes,  como recoñece o alcalde -, deixanos á mercede dos excedentes do Xuven no Pavillón Municipal de O Pombal. O compromiso da alcaldía, expresado ante a directiva do clube, é unha pronta remodelación para cumprir as necesidades da alta competición.



Esta fin de semana comeza a Liga. Visítanos un dos equipos máis prestixiosos do voleibol galego: o EMEVÉ de Lugo. O partido de 2ª A xógase ás oito da tarde do sábado, despois do debut do Xuven e os partidos de categorías inferiores o domingo: a partir das dez da mañá recibiremos ás actuais campioas de España infantís por clubes tanto en pista como en voleipraia, ás once e media xogan as cadetes e á unha as xuvenis. Todos os partidos no Pavillón de O Pombal.



Animádevos todos, grandes e pequenos a respaldar ó equipo. Vinde ver os nosos partidos, vinde xogar ó voleibol e seguídenos no blog www.xavcambados.blogspot.com.

1 comentario: